Saturday 18 de May de 2024

Abre o prazo para solicitar as Bolsas Comedor, que benefician a máis de 2.000 familias


O Concello destina máis de 2 millóns de euros a estas axudas ás que poden optar estudantes de distintos niveis

No mes de marzo haberá charlas informativas para as persoas interesadasnos centros cívicos

O Concello da Coruña abre este 1 de marzo o prazo de solicitudes das Bolsas Comedor para este 2022. Estas axudas foron aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado 16 de febreiro. O Goberno municipal destinará 2.050.000 euros para que máis de 2.000 familias se poidan beneficiar destas achegas. Comprenderá o período lectivo do curso escolar 2022-2023, así como os períodos non lectivos de Nadal do 2022 e o verán de 2023.

Estas axudas municipais supoñen a contía total nos centros públicos e unha achega mensual de 80 euros nos centros concertados ou privados, que pode chegar a 98 euros en función de determinadas circunstancias. Vai destinada a nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial.

O período para solicitalas estará aberto ata o 31 de marzo. Un dos compromisos subscritos polo Goberno de Inés Rey foi o de axilizar os trámites e adiantar as datas da convocatoria, tal e como pedían as familias. Este ano, o prazo para solicitar as bolsas anticípase dous meses con respecto a hai cinco anos para satisfacer esa demanda das persoas interesadas.

Como novidade, as familias terán, este ano, que achegar unha documentación simplificada e modificarase o concepto de unidade familiar nuclear, que permitirá que os pais e nais separados con custodia compartida non teñan que presentar o convenio regulador. Trátase dunha acción central do Goberno municipal de Inés Rey, que busca axudar de maneira directa a miles de familias.

Ao longo deste prazo de presentación programaranse diferentes charlas informativas para as persoas interesadas e as familias de intervención social do programa de familia da Área de Servizos Sociais da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación. As datas serán as seguintes:
● 3 de marzo ás 20.00 horas: Centro Cívico de Novo Mesoiro.
● 8 de marzo ás 16.00 h: Centro Civico de Novoboandanza.
● 9 de marzo ás 10.00 h: Centro Cívico de Monte Alto.
● 11 de marzo ás 10.00 h: Centro Cívico de Elviña.
● 15 de marzo ás 10.00 h: Centro Cívico de San Diego.
● 16 de marzo ás 16.00 h: Centro Cívico dos Mallos.
● 18 de marzo ás 12.00 h: Centro Cívico de Labañou